Sunday 19 de May de 2024

Guillem Morte Castelló comparte na Pobra a súa visión dos símbolos e xeometrías sagradas


O mandala, o cubo de Metatrón, a flor da vida, a estrela tetraédrica, a triquetra, a árbore da vida… Estes son algúns dos padróns que integran a mostra Xeometrías sagradas e simboloxías do mundo, de Guillem Morte Castelló, que acolle a casa da cultura Raquel Fernández Soler da Pobra do Caramiñal.

Arredor de sesenta pezas de madeira compoñen esta exposición, que se poden observar, na maioría dos casos, de dúas ou tres maneiras: visión diúrna, visión con luz negra e visións escuras logo da carga das fosforescencias que levan.

O autor, tamén coñecido como ACOUGA ART, estivo acompañado na inauguración efectuada na tarde do día 19 de decembro pola concelleira da Cultura, Patricia Lojo, quen destacou a singularidade desta exhibición formada por representacións en 3D cunha forte carga simbólica, especialmente nalgunhas culturas, e conectadas coa espiritualidade e a natureza. E, precisamente, esta última faise notar tamén mediante a presenza dalgúns minerais. O acto estivo amenizado por María Fernández Sandoica.

As visitas pódense efectuar ata o día 19 de xaneiro, de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.